4 agosto, 2026
Leo Bellas é un dos cofundadores de Lenatt. Xunto con Nanda Pérez, este enxeñeiro reconvertido en emprendedor decidiu lanzarse á aventura e converter unha paixón, como facer granola de xeito artesanal, que nun principio regalaban a amigos e coñecidos, nun negocio que dende os inicios tivo unha moi boa acollida pola calidade e singularidade dos produtos que teñen á venda.
As súas granolas, que puideron degustarse no Mercado de Produtores organizado pola Deputación da Coruña (no marco da campaña A paisaxe que sabe) en colaboración co Circuíto TUR 43 Galicia Calidade durante a proba no Real Club de Golf de La Coruña o pasado mes de maio, están formadas por un mix de cereais e frutos secos tostados, e contan, ademais co selo de Artesanía Alimentaria de Medio Rural.
Lenatt incorpórase este ano como nova marca colaboradora do Circuíto TUR 43 Galicia Calidade. Que vos motivou a formar parte desta sexta edición?
Para Lenatt é unha oportunidade de formar parte dun proxecto que comparte a nosa maneira de entender a alimentación: calidade, proximidade e compromiso co territorio. O Circuíto TUR 43 Galicia Calidade reúne deporte, hábitos de vida saudables e promoción do produto galego, valores cos que nos sentimos plenamente identificados.
Para Lenatt é unha oportunidade de formar parte dun proxecto que comparte a nosa maneira de entender a alimentación
Que outros valores compartides co Circuíto TUR 43 Galicia Calidade e que vos fixeron apostar por esta colaboración?
Compartimos a aposta pola excelencia, a autenticidade, a sustentabilidade e a promoción do tecido produtivo galego. Cremos na importancia de ofrecer produtos de alta calidade elaborados con respecto pola orixe e polas persoas, e este circuíto é un excelente escaparate para transmitir esa filosofía.
Como definiriades a marca e cal credes que é o voso principal valor diferencial?
Lenatt é unha marca comprometida coa calidade, a innovación e o sabor, que busca ofrecer produtos elaborados con ingredientes de proximidade, ecolóxicos e sen glute e cunha clara vocación de satisfacer as expectativas dos consumidores. O noso principal valor diferencial é combinar tradición e innovación para crear produtos que destacan tanto pola súa calidade como pola súa identidade.
Compartimos a aposta pola excelencia, a autenticidade, a sustentabilidade e a promoción do tecido produtivo galego
O Circuíto TUR 43 Galicia Calidade combina deporte, gastronomía e promoción do territorio. Que credes que pode achegar unha iniciativa destas características a unha marca como Lenatt?
Permítenos achegarnos a un público que valora un estilo de vida activo e saudable, ao tempo que reforzamos a nosa vinculación co territorio galego. Ademais, é unha oportunidade para dar a coñecer os nosos produtos nun contexto próximo e experiencial, onde os consumidores poden descubrir de primeira man o que ofrecemos.
Cal credes que é a importancia de iniciativas como o Mercado de Produtores impulsado pola Deputación e amparado dentro do Circuíto, á hora de dar a coñecer os vosos produtos gastronómicos?
Son iniciativas fundamentais porque crean espazos de encontro entre produtores e consumidores. Permiten dar visibilidade ao traballo das empresas galegas, fomentar o consumo de proximidade e ofrecer a posibilidade de que as persoas coñezan, degusten e valoren produtos de calidade elaborados na nosa terra.

Son iniciativas fundamentais porque crean espazos de encontro entre produtores e consumidores
Galicia Calidade reúne empresas que apostan pola excelencia e pola identidade galega. Que significa para Lenatt formar parte dun proxecto vinculado a estes valores?
É un orgullo e tamén unha responsabilidade. Formar parte dun proxecto asociado a Galicia Calidade significa compartir un selo de confianza que recoñece o esforzo pola excelencia e reforza o noso compromiso coa calidade, a innovación e a identidade galega.
O contacto directo cos participantes adoita ser un dos aspectos máis apreciados deste tipo de eventos. Que valor lle dades a esa proximidade co consumidor?
É un aspecto moi valioso porque nos permite escoitar de primeira man as opinións, preferencias e suxestións das persoas que consumen os nosos produtos. Ese contacto directo axúdanos a mellorar continuamente, fortalecer a confianza na marca e crear unha relación máis próxima e auténtica cos consumidores.