Fotos: Deputación da Coruña Faro de Punta Nariga (Malpica)
6 agosto, 2025
A Costa da Morte, situada ao noroeste da provincia da Coruña, é moito máis que un lugar no mapa. É unha terra onde a natureza, a historia e as tradicións se funden nunha harmonía única, facendo deste xeodestino un dos máis fascinantes de Galicia.
A súa denominación non é casual: a bravura do Océano Atlántico, a néboa, os temporais e os naufraxios foron desde sempre parte da súa identidade, envolvéndoa cun aire de misterio e lenda. Os romanos xa consideraban que o Cabo Finisterrae era a fin do mundo coñecido, e hoxe, esa sensación de estar na fronteira do universo segue presente en cada recuncho desta escarpada costa.
Un lugar onde a forza do mar se sente en cada onda que bate contra os cantís, onde as praias parecen saídas dunha imaxe de soidade e beleza pura, e onde o patrimonio, tanto natural como cultural, está á espera de ser explorado.
A Costa da Morte está composta polos concellos da Laracha, Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas. Cada un destes lugares conta cunha historia única, que se entrelaza coas paisaxes, os costumes e os sabores que fan da Costa da Morte un destino único no mundo.
Desde a tranquilidade das vilas mariñeiras, como Muxía ou Corcubión, ata os cantís e praias agrestes de Fisterra ou Laxe, cada un dos seus recunchos está cargado de significados e emocións. As praias como Caión (A Laracha), Razo e Baldaio (Carballo) ou O Trece (Camariñas) son puntos de atracción para os amantes do surf e dos deportes acuáticos.
A Costa da Morte está composta polos concellos da Laracha, Cabana, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas
Pero non só o mar ofrece unha experiencia inesquecible, senón tamén o interior desta comarca, salpicada polo Anllóns e o Xallas, e que oculta lugares máxicos como o refuxio de Verdes (Coristanco), os Penedos de Pasarela (Vimianzo) ou as Caldeiras do Castro en Muxía, onde a natureza parece deterse no tempo.
Nesta terra, a historia é unha presenza viva que se reflicte na súa arquitectura, nos monumentos megalíticos e nas lendas populares. O Santuario da Virxe da Barca en Muxía, por exemplo, é testemuña dunha devoción antiga, construída sobre cultos pagáns, e asociado a ritos de saúde que seguen sendo practicados hoxe en día. Ao redor do santuario, a Pedra de Abalar, un megálito de nove metros, continúa sendo obxecto de estudo, e a Pedra dos Cadrís, á que se lle atribúen propiedades de curación, atrae a milleiros de visitantes cada ano.
As construcións funerarias neolíticas dominan a paisaxe deste xeodestino, recordándonos un pasado que todos e cada un de nós levamos gravado no peito coas vivencias dos nosos antepasados. O dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños), composto por dúas mámoas superpostas, preserva importantes restos de arte, en forma de pinturas ou gravados, e é bo exemplo disto.
Cada un destes lugares conta cunha historia única, que se entrelaza coas paisaxes, os costumes e os sabores que fan da Costa da Morte un destino único no mundo
Seguindo coa pegada patrimonial que deixaron séculos de historia, chegamos a un elemento que foi fundamental nas comarcas mariñeiras e cuxa influencia aínda se mantén inamovible: os faros. Os da Costa da Morte son especialmente característicos, vixiando o horizonte no medio da escuridade máis absoluta. O de Fisterra; Vilán (Camariñas); Touriñán (Muxía), ou o Faro de Punta Nariga, en Malpica, son auténticos símbolos deste territorio, que se destacan pola súa historia marítima e a súa beleza inconfundible. A Ruta dos Faros, que une Malpica con Fisterra a través de 200 quilómetros de sendeirismo, é unha das mellores maneiras de percorrer a costa e descubrir as súas paisaxes espectaculares.

A natureza da Costa da Morte é tan variada como intensa. Nas Fragas do Ézaro (Dumbría) onde o río Xallas se precipita ao mar en forma de fervenza, atopamos unha das estampas máis impresionantes da Galicia atlántica. A praia de Ézaro, coas súas vistas ao Monte Pindo, coñecido como o “olimpo celta”, é unha parada obrigatoria para os que buscan a tranquilidade e a beleza natural. Neste espazo tamén podemos descubrir o Esteiro de Anllóns, en Cabana, unha das zonas húmidas máis importantes da comarca, ou o Monte Branco, en Camariñas, unha lingua de area branca que se estende pola ría.
Sen dúbida, as Illas Sisargas son outro dos puntos imprescindibles para os amantes da natureza. Este arquipélago, fronte a Malpica, alberga un faro que serve de guía aos navegantes e as súas augas son un refuxio de biodiversidade.
Nas Fragas do Ézaro (Dumbría) onde o río Xallas se precipita ao mar en forma de fervenza, atopamos unha das estampas máis impresionantes da Galicia atlántica
Mazaricos é un lugar que ofrece unha combinación única de paisaxes, gastronomía e localización xeográfica estratéxica, xa que é un concello de interior pero moi próximo e ben conectado coa costa, o que o converte nunha parada imprescindible para os peregrinos que estean a realizar o Camiño de Santiago a Fisterra.
A Costa da Morte non só é un lugar de beleza, senón tamén un tesouro de patrimonio histórico e cultural. O Castelo de Vimianzo, que data do século XIII, é un exemplo excelente de fortaleza medieval que alberga un museo de artesanía local. O Pazo das Torres do Allo en Zas, unha mansión barroca rodeada de xardíns, tamén é un exemplo do esplendor arquitectónico desta terra.
A arquitectura civil está moi presente neste xeodestino, co Museo do Mar de Laxe, o Museo do Alemán de Camariñas, ou os cascos vellos das súas vilas, como Corcubión ou Ponteceso. E se hai un concello que conserva con mimo o seu patrimonio histórico, artístico e cultural, ese é Cee.
Este municipio pode presumir das edificacións relixiosas, como a igrexa de Santa María da Xunqueira, que data do século XV. Esta construción conta cunha porta gótica que resistiu ós envites das tropas napoleónicas, e ten unha curiosa lenda detrás: a aparición da Virxe. Outros exemplos de vestixios relixiosos que se conservan no tempo son a capela de Santo Adrián de Toba ou a igrexa de Santo Estevo de Lires. Cee tamén destaca pola natureza, cun xardín botánico que se converteu non dos principais atractivos da localidade: o Museo-Fundación Fernando Blanco.
A Costa da Morte non só é un lugar de beleza, senón tamén un tesouro de patrimonio histórico e cultural
Os hórreos de Lira, en Carnota, algúns dos máis grandes de Galicia, seguen sendo testemuña do labor agrícola desta comarca. A tradición artesanal tamén se mantén viva en Buño (Malpica), coñecida pola súa cerámica, ou en Camariñas, onde o encaixe é unha arte que se transmite de xeración en xeración.

A gastronomía da Costa da Morte é un reflexo directo das súas xentes e da súa contorna. Produtos como o percebe do Roncudo, recoñecido como o “rei do mar” e cultivado en Corme (Ponteceso), ou o congro de Muxía, secado de forma artesanal, son delicias que teñen o sabor do mar. E como non, o pan de Carballo, famoso pola súa esponxosidade, ou a pataca de Coristanco, que dá lugar a esculturas comestibles na súa festa anual durante o mes de setembro.
A gastronomía da Costa da Morte é un reflexo directo das súas xentes e da súa contorna con produtos como o percebe do Roncudo ou o congro de Muxía
Outra das delicias gastronómicas deste xeodestino atopámola en Fisterra, co seu longueirón, semellante á navalla, e que cada mes de agosto, dende hai 25 anos, celebra a súa tradicional festa. O berberecho do Esteiro do Anllóns (Cabana) é outro dos produtos que é obrigatorio probar, polo menos, unha vez na vida.
As festas e tradicións da Costa da Morte son unha parte fundamental da súa identidade. A Festa do Naufraxio en Laxe, que homenaxea á Virxe do Carmen e foi declarada Festa de Interese Turístico galego, ou a romaría da Barca en Muxía, son dous exemplos de como a espiritualidade e a tradición se mesturan nesta terra. Tamén no eido gastronómico atopamos celebracións como a Festa da Faba, en Ponteceso. Pero nunha zona de romeiros e romarías con gran arraigo, non podía faltar tampouco a dos Miragres, en Caión (A Laracha) ou o San Hadrián de Malpica.

A Costa da Morte é, sen dúbida, un lugar onde o tempo se detén. Aquí, cada camiño leva a un novo descubrimento, cada praia amosa a súa propia personalidade, e cada recuncho conta unha historia. Desde o mar embravecido ata as montañas rochosas, desde os faros que guían aos navegantes ata as pequenas aldeas que conservan a súa esencia, este xeodestino non deixa indiferente a ninguén.
E se hai algo que caracteriza a este territorio, é a súa capacidade de convidar ao descanso e á reflexión. A Costa da Morte non só é un destino turístico; é unha maneira de vivir, de sentir o vento do Atlántico no rostro, de conectar co pasado e de gozar da serenidade que só un lugar tan especial pode ofrecer.