20 octubre, 2026
Graciela Castro e Darío Capelo forman un tándem tanto no persoal coma no profesional. Xuntos decidiron emprender e dar vida a un proxecto moi especial, Chichalovers, que ten a súa base en Santiago de Compostela, e busca reinterpretar os sabores tradicionais e os produtos «de toda a vida», adaptándoos ás novas formas de entender a gastronomía e aos hábitos de consumo actuais.
Produtores destacados da provincia coruñesa, participan en feiras e eventos gastronómicos da man da Deputación da Coruña, coa súa campaña A Paisaxe que Sabe.
Chichalovers nace da unión da gandaría familiar e da hostalaría. Como xurdiu o proxecto e como conseguístedes transformar esa tradición nunha proposta gastronómica innovadora?
Chichalovers nace da unión de dous legados: o gandeiro, da familia de Darío, e o hostaleiro, da miña, Graciela. Un día, falando dos rixóns, un dos produtos estrela de A dos Capelo, a carnicería da familia de Darío no Mercado de Abastos de Santiago, démonos conta de que seguían tendo moito éxito entre a clientela, pero cada vez os atopabamos menos nos bares e restaurantes. Sentíamos que un prato tan noso estaba perdendo presenza.
A partir de aí xurdiu a idea de darlle unha nova vida: conservar o sabor e a elaboración tradicional, pero presentalo nun formato actual, máis atrevido e para comer coas mans. Así naceron as nosas Chichas. Para nós, a tradición tamén pode ser vangarda. Iso é Chichalovers: levar o auténtico sabor da aldea aos 16 e 25 metros cadrados dos nosos locais.
Chichalovers nace da unión de dous legados: o gandeiro, da familia de Darío, e o hostaleiro, da miña
Como ben dis, apostades por recuperar o sabor da aldea e reinterpretar produtos tradicionais galegos, como os rixóns, en elaboracións actuais. Que valor diferencial teñen os vosos produtos e que os fai únicos?
O noso valor diferencial está na combinación dun produto tradicional cun formato vangardista e nunha aposta clara pola especialización. Atrevémonos a construír toda unha proposta arredor dos rixóns, un produto moi vinculado á nosa cociña, pero pouco habitual como protagonista dun concepto gastronómico. Centrarnos nel permitiunos desenvolver unha identidade moi definida e explorar todas as súas posibilidades. Era un risco, pero a resposta da xente demostrounos que había sitio para unha proposta así.
Na carta temos entre doce e quince Chichas, os nosos bocatas, con combinacións que van desde as máis tradicionais, como o Quedar coma un Pepe, con pan do país, rixóns, chourizo e queixo de Arzúa, ata outras máis atrevidas, como o Esmajado, con pan brioche, rixóns, bacon, cebola morada, queixo San Simón e cogombriños agridoces. Traballamos con pans de panadería e con outros produtores de proximidade, escollendo cada ingrediente para que achegue algo ao conxunto. Queremos sorprender coas combinacións e, ao mesmo tempo, que os rixóns manteñan o protagonismo e ese sabor que nos conecta coa aldea.
O noso valor diferencial está na combinación dun produto tradicional cun formato vangardista e nunha aposta clara pola especialización
A vosa actividade conecta a gandaría familiar de Santa Comba coa carnicería e coa restauración, apostando pola proximidade. Que importancia teñen a orixe da materia prima, a trazabilidade e o apoio aos produtores locais no voso modelo de negocio?
É un dos piares do noso proxecto. A conexión entre a gandaría familiar de Santa Comba, a carnicería e Chichalovers permítenos coñecer de preto a orixe do noso produto e contar a historia que hai detrás. Para nós, a trazabilidade ten que ver tamén coa confianza: saber de onde vén o que servimos e quen está detrás de cada elaboración.
Esa forma de traballar esténdese aos produtores cos que colaboramos. Queremos poñer en valor o territorio a través do noso produto e tamén do seu. Por iso, nos locais temos un chineiro, a nosa despensa, con produtos doutros proxectos galegos, moitos deles vinculados a A Paisaxe que Sabe, da Deputación da Coruña. É unha maneira de darlles visibilidade e de facer que quen nos visita descubra algo máis da nosa terra.
En 2026 recibístedes o recoñecemento da Deputación da Coruña pola posta en valor do territorio a través do produto. Que significan para vós este premio e o respaldo institucional a proxectos que apostan pola produción local?
Para nós é un orgullo enorme e un impulso para seguir traballando. No día a día estamos tan centrados en sacar o proxecto adiante que un recoñecemento así nos axuda a parar e valorar o camiño percorrido. Sentimos que se recoñece tanto o produto como a nosa maneira de entender o negocio e a súa relación co territorio.
O respaldo institucional tamén axuda a dar visibilidade a proxectos como o noso e a abrir novas oportunidades de colaboración. Anímanos a seguir creando, compartindo e mellorando, coa responsabilidade de estar á altura desa confianza.
Queremos poñer en valor o territorio a través do noso produto e tamén do seu
A través de iniciativas como ‘A paisaxe que sabe’, impulsada pola Deputación, participástedes en espazos de promoción gastronómica e eventos como o Salón Gourmets e o CHICHAFEST. Que vos achegan estas experiencias e que oportunidades ofrecen para dar a coñecer Chichalovers a novos públicos?
Sentímonos moi identificados con A Paisaxe que Sabe porque as súas accións xiran arredor do territorio, da gastronomía e das persoas que a fan posible. Nese contexto estamos como peixe na auga. Participar en feiras como o Salón Gourmets permítenos presentar a nosa proposta fóra de Galicia, coñecer outros profesionais e establecer contactos que poden converterse en colaboracións ou oportunidades de negocio.
No caso do CHICHAFEST, que organizamos nós, o apoio da Deputación da Coruña foi fundamental. Quixemos ampliar esa maneira de poñer en valor o territorio, sumando á gastronomía a nosa cultura e o talento das bandas emerxentes galegas que cantan na nosa lingua. Así naceu este festival na Sala Capitol: un encontro no que a música e os sabores da nosa terra compartiron escenario.

Cal é o balance que facedes da vosa participación en feiras e eventos gastronómicos? Como valorades que a Deputación da Coruña apoie iniciativas como o Circuito TUR 43 Galicia Calidade, que se caracteriza por difundir a gastronomía de calidade galega nos campos polos que discorre?
Facemos un balance moi positivo. As feiras e os eventos permítennos dar a probar o produto, explicar a nosa proposta e escoitar de primeira man a reacción da xente. Ese contacto directo é moi valioso: axúdanos a coñecer mellor o público, a mellorar e a establecer relacións con outros produtores e profesionais. Tamén son unha oportunidade para que persoas que nos descobren nun evento se animen despois a visitar os nosos locais.
Valoramos o apoio da Deputación da Coruña a iniciativas como o Circuito TUR 43 Galicia Calidade porque levan a gastronomía galega a outros espazos e achégana a novos públicos. Para proxectos como o noso, é importante que esa promoción permita coñecer tanto o produto como a súa orixe e as persoas que o elaboran. É unha maneira de abrir oportunidades e de facer que o interese pola nosa gastronomía repercuta tamén no territorio.
Valoramos o apoio da Deputación da Coruña a iniciativas como o Circuito TUR 43 Galicia Calidade porque levan a gastronomía galega a outros espazos e achégana a novos públicos
A vosa proposta combina tradición, innovación e identidade galega. Como responde o público cando descobre os vosos produtos e que importancia ten transmitir a historia que hai detrás de cada elaboración?
A resposta é moi boa e unha das cousas que máis nos gusta é a diversidade da nosa clientela: desde nenos ata persoas maiores. Hai quen redescobre un sabor que coñece de toda a vida e quen proba os rixóns por primeira vez a través dunha Chicha. Ao principio escoitabamos moito aquilo de «Pero como non se me ocorreu a min!». Sorprenden as combinacións de sabores e, sobre todo, descubrir as posibilidades dun produto tan familiar. Os rixóns sempre estiveron aí, na nosa cociña e nas nosas casas; nós démoslles unha volta para que atopasen tamén o seu sitio nunha forma máis actual de comer.
Contar a historia que hai detrás é unha parte importante da experiencia. Cando explicamos a conexión coa gandaría, coa carnicería familiar e cos produtores cos que traballamos, a xente entende mellor a nosa proposta e o coidado que hai en cada elaboración. Queremos que gocen dos Chichas e que saiban de onde vén cada sabor.