26 octubre, 2026
Fundada en 1954, Bodegas Carballo é unha empresa familiar de Carballo cunha longa traxectoria no sector da distribución de bebidas. Tras tres xeracións de historia, a firma afronta unha nova etapa co desenvolvemento de Vermú Meilán, un proxecto que combina tradición, identidade territorial e novas oportunidades de mercado.
Bodegas Carballo é unha empresa familiar fundada en 1954. Como naceu o negocio e como foi evolucionando ao longo destas tres xeracións ata converterse na firma que comercializa o Vermú Meilán?
Bodegas Carballo naceu na rúa Alfredo Brañas, en Carballo, da man do matrimonio formado por José Fernández e Carmen Casal, que chegaron á vila na procura de traballo. José era de Betanzos e a súa dona, de Cambre, Carral. A casa de viños e comidas que rexentaron, coñecida como O Bodegón, acadou certa sona tanto pola súa oferta gastronómica como polos viños, as sidras e o vermú que servían a granel.
Anos despois, en 1974, abandonaron a casa de viños e comidas para trasladarse ao barrio do Chorís, na actual rúa Alfredo Brañas. Alí continuaron coa actividade e comezaron tamén a distribuír viños, augas e outros produtos.
Co paso dos anos, deixaron o despacho de comidas e viños para centrarse exclusivamente na distribución. Posteriormente, os dous fillos da parella incorporáronse ao negocio. Juan José foi quen decidiu incorporar novos produtos e bebidas nas novas instalacións do polígono de Bértoa (Carballo) onde Bodegas Carballo foi unha das seis primeiras empresas en instalarse. Así chegamos ata os nosos días, coa incorporación do seu fillo e do seu neto.
En canto ao Vermú Meilán, a idea é comercializalo a través de Bodegas Carballo, pero creando unha nova empresa, Vermuts Meilán, xa que o proxecto engloba algo máis que o vermú. Inclúe licores, vermús reserva e sen alcohol, así como produtos de merchandising vinculados a Carballo, á Costa da Morte e a Galicia en xeral. Neste proxecto tamén se incorpora Vanessa Martínez, parella de Juan Carlos.
En canto ao Vermú Meilán, a idea é comercializalo a través de Bodegas Carballo, pero creando unha nova empresa, Vermuts Meilán
O Vermú Meilán é o produto máis representativo da vosa marca e está ligado á historia da empresa. Que características o definen e que importancia teñen a tradición, a selección das materias primas e o proceso de elaboración para manter a súa identidade?
A nosa intención é que sexa o produto máis representativo da marca. A idea é comercializalo en breve, xa que estamos pendentes das últimas probas de maceración para acadar o produto definitivo, despois de seis anos de probas e máis de 3.000 litros elaborados.
O que buscamos é un produto de calidade en todas as fases da elaboración, con herbas e cítricos naturais, alcohol vínico e viños de calidade. Utilizamos o método de elaboración tradicional, como o dos vermús de Turín, con alambiques de cobre e unha maceración mínima de catro meses.
Buscamos unha identidade propia relacionada coa nosa zona. Meilán, como bo galego, toma o nome dun antepasado: o bisavó do meu pai, que marchou desde Santa María de Meilán, en Lugo, cara á estación do norte de Betanzos na procura dun futuro. E todo o demais é historia.
O vermú experimentou unha evolución nos hábitos de consumo e gañou presenza en diferentes momentos de socialización e na oferta hostaleira. Como valorades esta evolución e que oportunidades ofrece para unha marca como Meilán?
Moi acertada a pregunta. O vermú non é un produto actual, senón que estivo sempre de moda. Xunto coa cervexa e o viño, é unha das bebidas con máis historia. As súas orixes remóntanse á Antiga Grecia, cos viños hipocráticos, de carácter medicinal, e continúan na época romana ata chegar ao vermú vermello moderno, da man dos italianos, a mediados do século XIX. Carpano, considerado o vermú máis antigo do mundo, é un referente desa tradición e do que coñecemos hoxe como vermú moderno.
En España, o vermú xa se comercializaba con bastante éxito no século XIX e mantívose presente ao longo do tempo, ata que volveu gañar protagonismo despois da pandemia, ao considerarse unha bebida fácil de consumir na casa.
Os cambios nos hábitos de consumo tamén deron lugar ao coñecido tardeo, no que o vermú se acepta mellor ca un destilado, tamén polo seu prezo. Observamos unha tendencia crecente cara ao vermú branco, aínda que o vermello segue sendo o máis vendido. Tamén hai unha maior tendencia a mesturar ambas as variedades.
As oportunidades están en ocupar un nicho de mercado. As grandes marcas reformularon os seus produtos porque o vermú deixou de ser unicamente unha bebida para abrir o apetito e pasou a ser unha opción máis aceptada en diferentes momentos de socialización, como cando se sae tomar unhas cervexas ou uns viños.
O vermú deixou de ser unicamente unha bebida para abrir o apetito
Os produtos ligados ao territorio son unha parte importante da identidade gastronómica galega. Que papel desempeña Bergantiños na historia de Bodegas Carballo e que importancia teñen iniciativas como o Circuíto TUR 43 Galicia Calidade, patrocinado pola Deputación da Coruña no marco da campaña «A Paisaxe que Sabe», para dar visibilidade a empresas e produtores da provincia?
De feito, gustaríanos que a nosa marca se identificase coa Costa da Morte, xa que actualmente non podemos obter o selo Galicia Calidade porque esta categoría non está contemplada. Con todo, a nosa identidade está aquí, na nosa terra.
O propio nome ao final vén de Bodegas Carballo, e foi en Bergantiños onde nos deron ese nome e esa identidade que levamos con moito orgullo. De feito, ata o meu irmán o leva: Rober Bodegas. Nas etiquetas destacamos as nosas orixes, Carballo e Galicia, e, no caso do viño branco empregamos a cor azul como referencia ao noso mar.
Creo que a Deputación fai un gran labor con esta campaña, dando visibilidade a produtos que moitas veces son pouco coñecidos e que non sempre reciben o recoñecemento que merecen. O Circuíto TUR 43 Galicia Calidade segue esta mesma liña, con campañas de promoción ben elaboradas que, se se saben aproveitar, resultan de grande interese.
Ademais, estas iniciativas permiten axudar a posicionar unha marca nun escaparate de gran valor, asumindo a Deputación os custos da participación. É unha oportunidade que, se desaparecese, botariamos de menos.
Gustaríanos que a nosa marca se identificase coa Costa da Morte, xa que actualmente non podemos obter o selo Galicia Calidade porque esta categoría non está contemplada

Manter unha empresa familiar durante máis de sete décadas implica adaptarse aos cambios sen perder a identidade. Que retos afronta hoxe Bodegas Carballo e que obxectivos vos marcades para o futuro do Vermú Meilán?
Manter unha empresa é sempre complicado, independentemente do seu tamaño. No noso sector, que por desgraza segue estando pouco profesionalizado, non se acadou o nivel de profesionalización doutros ámbitos en todos os elos da cadea, incluída a distribución.
Trátase dun sector importante non só desde o punto de vista económico, senón tamén alimentario, xa que abastece, por exemplo, os restaurantes e contribúe a ofrecer produtos aos consumidores. É un tema que daría para unha longa conversa, pero considero que é necesaria unha regulación máis profunda. Non pode ser que nunha gasolineira as laranxas estean ao lado dos surtidores, nin que un profesional que traballa con produto fresco e de proximidade teña que competir con produtos de quinta gama, sometidos a requisitos normativos diferentes.
Os retos de Bodegas Carballo son os mesmos que os dos demais compañeiros de profesión: seguir adaptándose ao mercado nun momento de transformación que, ao meu entender, é o máis profundo dos últimos cincuenta anos. Non sabemos con certeza cara a onde van as tendencias de consumo. O consumo de cervexa cae arredor dun 10 %, o de viño un 30 % e o de destilados un 40 %.
A isto súmanse a redución dos horarios de apertura e o peche de preto de 250 locais na Costa da Morte desde a pandemia, ademais do aumento da presión fiscal e dos custos, e das dificultades cada vez maiores para realizar repartos e vendas.
Estamos a volver a un modelo de mercado estacional, con menos tempo de apertura na Costa da Morte. Isto tamén contribúe ao declive dos nosos pobos. Se todos abrimos só tres meses ao ano, que pasaría? Sería como montar un circo, ofrecer o espectáculo e marchar despois.
É unha cuestión sobre a que deberiamos reflexionar: como podemos axudar a que os negocios se manteñan activos durante todo o ano? E falo de todos os sectores: as tendas de roupa, o comercio e os demais negocios. Todos contribuímos a facer pobo e a manter viva a nosa contorna. Ademais, a tecnoloxía aínda non está implantada en moitos dos procesos do sector, polo que nos atopamos nun mercado incerto.
Dito isto, Meilán nace coa intención de ofrecer un produto propio, con proxección tanto no mercado nacional como no de exportación. Queremos defender unha marca propia, xa que no resto da nosa actividade vendemos marcas doutras empresas mediante acordos comerciais que, por desgraza, rara vez se respectan.
Meilán preséntase como un produto dunha empresa local, vinculado á nosa zona, á comarca e a Galicia. A nosa idea é que o consumidor, que é soberano, valore e escolla o produto, e que iso nos permita medrar e seguir investindo na nosa terra.