Fotos: Óscar César / AirOn Estudio
28 julio, 2025
A Deputación da Coruña deu un paso firme na promoción da súa gastronomía local co evento Saudade, que se celebrou do 13 ao 15 de xullo en diversos puntos da provincia, no que se converteron en xornadas de intenso traballo, aprendizaxe, pero tamén desfrute.
Este evento congregou a 13 chefs de renome internacional, que suman máis de 20 estrelas Michelin, e entre os que se atoparon rostros coñecidos como Alberto Chicote, Diego Guerrero, Paco Morales, Aitor Arregi, Maca de Castro, Andoni Luis Aduriz, Toño Pérez, Begoña Rodrigo, e os galegos Pepe Solla, Lucía Freitas, Xosé Cannas, Javi Olleros, e Manuel Costiña.
Así pois, Saudade destacou a calidade e a diversidade dos produtos locais, poñendo en valor a autenticidade do territorio e os procesos sostibles que caracterizan a produción agroalimentaria da provincia.
Durante o evento, os participantes tiveron a oportunidade de mergullarse nunha experiencia sensorial única, explorando desde o mar ata a horta galega, e coñecendo de primeira man a diversidade de sabores, aromas e técnicas culinarias que fan de Galicia un referente gastronómico internacional.
Saudade achegouse a varias localidades da provincia da Coruña. Santa Comba, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Coristanco foron o escenario desta cita gastronómica única, onde se concentraron as actividades de maior interese para os chefs e produtores locais. A Deputación da Coruña quixo dar a coñecer non só a calidade dos produtos, senón tamén as historias detrás deles e os procesos de elaboración sostibles que dan forma á súa produción.
Santa Comba, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ribeira e Coristanco foron o escenario desta cita gastronómica única
Alberto Chicote, un dos chefs máis destacados do panorama nacional, manifestou a súa admiración pola iniciativa: “A verdade é que non pode ser mellor experiencia; desde a recepción, todo cariño, o ‘gustazo’ de todo o mundo, o sentirte como ‘abrazado’. Sempre fun un gran fan de Galicia… Pasamos un día entre amigos, profesionais… Esta creación de este foro no que un se atopa cómodo, a gusto e feliz… Insuperable”.
A súa valoración reflicte o éxito dunha proposta que foi acollida con moito entusiasmo polo grupo de chefs, moitos dos cales non coñecían en profundidade os produtos da provincia, e que agora se converteron en férreos defensores dos mesmos.
«Somos a parte de Galicia que máis se move en prol da gastronomía e do territorio, porque hai xente detrás que ten ese sentimento e paixón por todo o que nos rodea», manifestou Lucía Freitas. «E boa mostra diso é Saudade. Para min, isto é o futuro; a mellor maneira de fomentar os produtos, os lugares e os produtores é a través de convivencias como esta, para que os asistentes podan respirar e vivir como nós, probar produtos, e ser subscritores», engadiu.
Lucía Freitas: «Somos a parte de Galicia que máis se move en prol da gastronomía e do territorio, porque hai xente detrás que ten ese sentimento e paixón por todo o que nos rodea»
Pola súa banda, Graciela Castro, de Chichalovers, destacou que «é unha forma marabillosa de darlle visibilidade a proxectos como o noso. É moi importante poñer en valor territorio e cultura, seguir traballando polo noso e amosalo ao mundo, que se vexa o traballo que hai detrás e todo o que se pode facer volvendo á terra».

A Deputación da Coruña apostou forte por este evento como motor de dinamización do sector agroalimentario galego. Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación, subliñou a importancia que teñen este tipo de iniciativas para o futuro gastronómico da provincia. “Queremos dar as grazas e recoñecer a todas as persoas do sector agroalimentario que traballaron intensamente e nos trouxeron ata aquí, así como celebrar o momento doce do noso sector de produción de alimentos e, por suposto, falar de futuro. Do futuro da alimentación e do planeta”, comentou Regueira, facendo especial énfase na sostibilidade como un dos eixos centrais do evento.
A Deputación da Coruña apostou forte por este evento como motor de dinamización do sector agroalimentario galego
O vicepresidente engadiu que a provincia da Coruña é unha auténtica potencia no que respecta á despensa mariña e da horta, destacando o traballo dos produtores locais e a súa capacidade para innovar e sorprender no campo da gastronomía. “Todo isto contribúe a manter poboación e a xerar oportunidades no medio rural, por iso dende a Deputación continuaremos impulsando a capacidade desta provincia e deste país de producir, sorprender e xerar riqueza sostible”, sentenciou.
A primeira xornada de Saudade estivo dedicada ao mar e á riqueza do marisqueo e a pesca en Galicia. Os participantes tiveron a oportunidade de visitar bateas e coñecer de primeira man o traballo dos mariscadores galegos. A xornada comezou coa visita á adega Entre os Ríos en Barbanza, onde os chefs puideron desfrutar dunha cata con conservas locais.
A xornada continuou cunha visita ao Miradoiro de Cabío, onde se serviu unha comida cos mellores produtos do mar, antes de partir cara a lonxa de Ribeira, onde os asistentes presenciaron unha poxa de baixura en directo e aprenderon sobre o proceso de pesca e comercialización do peixe. O día rematou no Mercado de Abastos de Santiago, cunha espectacular cea elaborada polo chef Iago Pazos, que defende a cociña de proximidade e a valorización dos produtos locais.
Xosé Regueira: «Todo isto contribúe a manter poboación e a xerar oportunidades no medio rural»
A segunda xornada, que tivo lugar en Coristanco, centrouse na terra e nos produtos do campo. Neste espazo, os asistentes coñeceron en detalle os procesos de cultivo sostible na finca A Despensa D’Lujo. A xornada incluíu tamén visitas aos postos dos produtores locais como A Conserveira, Bonilla a la Vista, Cafés Lúa, Chichalovers, Cienporcel Abastos, Empanadas Costumes Galicia e outros, onde os chefs degustaron e coñeceron mellor a calidade dos produtos.
Na Despena D’Lujo, tiveron lugar dúas mesas redondas que trataron temas como a sostibilidade, a innovación e a paisaxe emocional no mundo da gastronomía. Na primeira, sobre “Raíces sostibles: Produto, Territorio e Cultura Alimentaria”, participaron chefs como Paco Morales e Lucía Freitas, xunto ao divulgador científico José Miguel Mulet. Mentres que na segunda, titulada “Facer País: Innovación, Sustentabilidade e Paisaxe Emocional”, participaron os chefs Andoni Luis Aduriz, Maca de Castro e Xosé Cannas, entre outros.

O evento non só serviu para promocionar os produtos da provincia entre chefs de renome, senón que tamén foi unha plataforma de visibilidade para os produtores locais. As mesas redondas e encontros entre chefs e produtores permitiron un intercambio de experiencias e coñecementos, o que é esencial para fortalecer a cadea agroalimentaria galega e fomentar a colaboración entre os diferentes actores do sector.
O evento non só serviu para promocionar os produtos da provincia entre chefs de renome, senón que tamén foi unha plataforma de visibilidade para os produtores locais
Ao rematar o evento, os participantes coincidiron en destacar a calidade e a autenticidade dos produtos locais, que se perciben como fundamentais para o futuro da gastronomía de calidade e sostible en Galicia.
A Deputación da Coruña, mediante este tipo de iniciativas, está a dar pasos firmes cara a un futuro sostible, destacando a súa capacidade para sorprender e xerar riqueza no medio rural. A primeira edición de Saudade confirmou que a gastronomía galega está preparada para ser protagonista no escenario internacional, sen perder de vista a súa esencia máis profunda: o respecto pola terra e o mar.