Foto: Deputación da Coruña
15 septiembre, 2025
O vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, destaca en TUR 43 a aposta da provincia polo turismo sustentábel, a promoción do territorio durante todo o ano e o impulso do deporte como aliado para atraer novos perfís de visitantes. Iniciativas como o Circuíto de Golf e Croquet TUR 43 consolidan á Coruña como un referente no turismo de calidade.
A provincia da Coruña é un dos motores turísticos de Galicia. Cal é a estratexia que está a seguir a Deputación para continuar reforzando o seu posicionamento como destino de referencia?
A provincia da Coruña representa practicamente o 50 % do turismo de Galicia. Temos tres cidades fantásticas. Ferrol, que prepara a súa candidatura a Patrimonio da Humanidade; A Coruña, coa Torre de Hércules, o emblema da cidade, tamén é Patrimonio Mundial, e Compostela, epicentro dese gran recurso turístico que é o Camiño de Santiago e, tamén, Cidade Patrimonio da Humanidade. Se a isto lle sumamos un litoral que conta con 956 quilómetros de costa, que son máis dos que ten Portugal de punta a punta, cunhas praias e unhas rías fantásticas, e un interior fermosísimo, o menú é imbatíbel.
E iso é o que intentamos modestamente aportar ao turismo, a mensaxe de que temos unha paisaxe, urbana e rural, fantástica e, ademais, altamente productiva. Ao longo do noso territorio, nos 93 concellos, viven persoas que seguen ofrecendo a calquera persoa que nos visite unha experiencia única, altamente sustentábel e absolutamente real. E “A paisaxe que sabe” fala de todo iso, tomando como fío conductor unha gastronomía fantástica, tanto a nivel de produto como de restauración.
A verdade é que estamos moi satisfeitos do resultado da campaña e, sobre todo, do ben rodeados que estamos polos sectores turístico, agroalimentario e artesanal, que son excelentes embaixadores dos nosos valores. Nesa liña, de aposta polo turismo sustentábel e polos nosos sectores produtivos, imos seguir traballando, tratando de visibilizar todo ese potencial nos mercados turísticos máis receptivos á calidade que os nosos destinos lle están ofrecendo ao mercado; buscando máis a calidade que a cantidade de turistas.
Nos últimos anos, o turismo evolucionou cara a modelos máis sostibles e vinculados á identidade dos territorios. Como se está adaptando a provincia da Coruña a estas novas tendencias?
Como dicía anteriormente, somos un territorio absolutamente auténtico, que conservamos moitos valores da nosa tradición cultural, histórica, lingüística, gastronómica… e, ademais, cun carácter altamente sustentábel á hora de relacionarnos coa paisaxe, o que non quere dicir que non teñamos problemas, e algúns graves. Nós cremos que na sostibilidade está o futuro dun turismo que aínda ten que xerar moito máis retorno e oportunidades para as persoas que vivimos aquí.
Na nosa estratexia, os produtos turísticos que poñemos no mercado teñen no respecto á paisaxe o seu valor fundamental. Estamos traballando en cinco plans de sostibilidade turística en destino, en Ortegal, no Eume, no Anllóns, nos concellos que une a Vía Verde Santiago-Tambre-Lengüelle e na Costa Ártabra, e en todos eles buscamos tocar o mínimo posíbel a paisaxe e, sobre todo, protexela. Os datos turísticos dinnos que cada vez hai un público máis esixente en materia medioambiental e aquí, afortunadamente, aínda temos unha potencialidade enorme a pesares de que hai proxectos en marcha que nos preocupan porque poden afectar gravemente aos sistemas produtivos e á propia paisaxe.
Contamos cunha Reserva da Biosfera nas Mariñas e Terras do Mandeo, coa que colaboramos e que colabora con nós, que ademais conta cun modelo de xestión a copiar por moitos outros destinos, e que atesoura selos de calidade (ecoturismo, club de produto) importantísimos, xa non só para os concellos que forman parte dela, senón para toda a provincia. E contamos tamén cun Xeoparque en Ortegal, un dos logros dos que máis orgullosos nos sentimos e que ten un enorme potencial no plano do turismo de natureza, científico e de grandes espazos abertos. Estes dous selos UNESCO, Reserva da Biosfera e Xeoparque, súmanse aos de Patrimonio da Humanidade aos que nos referimos antes e ao Camiño de Santiago, para crear un territorio dunha enorme relevancia mundial.
A provincia da Coruña representa practicamente o 50 % do turismo de Galicia
O deporte, e especialmente o golf, está a consolidarse como un atractivo turístico de calidade. Que papel xoga o turismo deportivo na política turística da Deputación?
O deporte forma parte dunha das grandes liñas de fomento da Deputación da Coruña, xa non só a nivel turístico. Eu apostaría a que detrás de calquera evento deportivo de calquera nivel está detrás a Deputación e a súa Sección de Deportes, presidida polo deputado Antonio Leira, que tamén participa moi activamente na promoción do Camiño.
En turismo, especificamente, estamos apoiando probas deportivas de carácter internacional ou cun perfil de practicantes interesantes desde o punto de vista turístico e, en moitas ocasións, en colaboración con Turismo de Galicia, con quen mantemos un labor de colaboración e coordinación da que nos gusta facer fachenda. Neste caso, colaboramos na triple coroa de surf mundial que se celebra en tres concellos da provincia, en Valdoviño, co Pantín Classic, en Ferrol e en Razo. As tres probas da World Suf League na península e as tres na provincia da Coruña.
E outro dos deportes aos que dende turismo lle estamos prestando atención é ao golf, coa inestimábel axuda de TUR 43. Cremos que o golf atrae a un perfil de deportista que busca máis cousas no territorio que competir, ao que lle gusta a natureza, a gastronomía, a cultura e o clima do noso país e que, ademais, volve despois da competición. Sen dúbida é un perfil turístico moi interesante ao que lle estamos prestando atención.
Mais tamén participamos da man da Sección de Deportes en moitos outros tipos de probas deportivas. Cremos que o deporte ten un grande potencial á hora de captar turistas e, ademais, convértese nun gran aliado á hora de alertar sobre a necesidade de preservar o territorio, e incluso á hora de coidalo.
Na nosa estratexia, os produtos turísticos que poñemos no mercado teñen no respecto á paisaxe o seu valor fundamental
O Circuíto TUR 43 pasou por campos emblemáticos da provincia como o Real Club de Golf da Coruña ou o Real Aeroclub de Santiago. Como valora a Deputación a celebración deste tipo de eventos no territorio?
A valoración é moi positiva. Que a nosa provincia e os nosos campos sexan sedes do circuíto de golf é unha grande oportunidade, non só deportiva senón tamén de promoción. Sabemos do esforzo de captar e manter este tipo de eventos e temos que axudar a consolidalos e mesmo a facelos medrar. Nos últimos anos iniciamos unha colaboración que xa está dando froitos a nivel turístico e queremos seguir afondando nela e procurando aproveitar todas as potencialidades que os deportistas do circuíto nos ofrecen.
Ademais do impacto deportivo, o circuíto contribúe a dar visibilidade a produtos locais e á gastronomía da zona. Que importancia ten para vostedes esta sinerxia entre turismo, deporte e produto de proximidade?
O circuíto de TUR 43 ofrécenos un escaparate único no que as nosas empresas de produto gastronómico e artesanal de altísma calidade se poden promocionar para un público que representa un cliente potencial moi interesante. Neste ano incrementamos a nosa presencia de produto e empresas nos campos e agardamos que a valoración que se faga desa presencia sexa de éxito para seguir medrando tamén na nosa oferta no ámbito do circuíto de golf.
Evidentemente, a estratexia é crear interese polo territorio e o que este ofrece, entre os deportistas e o público dos eventos, e sinceramente creo que o estamos conseguindo. Ademais, deporte e gastronomía maridan moi ben e de aí estamos sacando grandes alianzas, esta do circuíto TUR 43 é unha delas.
Un dos obxectivos de moitas administracións é desestacionalizar o turismo e descentralizalo cara a zonas menos coñecidas. Iniciativas como a de TUR 43 poden axudar nese camiño?
Sen dúbida, temos un país produtivo durante todo ano, cunha gastronomía diferente en cada estación e cunha paisaxe que muda ao longo do ano e que é capaz de satisfacer ao público máis esixente veña cando veña. E o deporte e as probas deportivas son unha alianza importantísima para alongar as tempadas e incluso para propiciar oportunidades para o sector turístico. Contar cunha programación de eventos deportivos fóra da tempada alta é fundamental para atraer novos públicos e novos perfís turísticos. Uns porque veñen competir, outros porque veñen desfrutar das probas, todos porque visitan o territorio atraídos polo deporte e o máis probábel é que volvan para facer turismo. Niso é no que temos que traballar.
O circuíto ofrécenos un escaparate único no que as nosas empresas de produto gastronómico e artesanal de altísma calidade se poden promocionar para un público que representa un cliente potencial moi interesante
Que papel xoga a colaboración público-privada na organización de eventos como este e no impulso do turismo deportivo e experiencial?
Para min, falar de turismo sen falar de sector privado non ten sentido. En turismo as oportunidades de mellorar a empregabilidade e as cotas de benestar da poboación local sempre vai vir da man do sector privado, evidentemente ben regulado e buscando que os retornos se distribúan ben e non ocasionen problemas de convivencia ou económicos á poboación residente. Niso tamén temos que traballar para non caer nos erros que xa caeron destinos maduros.
Mais o sector privado é fundamental, e no deporte tamén. As administracións públicas facemos un gran labor de fomento, xunto coas federacións e os clubes, mais cada vez máis o sector privado aparece como patrocinador fundamental de eventos de primeira categoría. A min sempre me gusta dicir que cando aparecemos varias administracións e marcas privadas nas presentacións das probas deportivas estamos a falar dun éxito asegurado. Estamos medrando e madurando, e aínda temos que afondar moito máis nesa colaboración público-privada para xerar aínda máis oportunidades.
Para rematar, que mensaxe lle gustaría trasladar dende a Deputación da Coruña ás persoas que aínda non descubriron a provincia como un destino onde o deporte, a calidade e o territorio van da man?
A min sempre me gusta recomendar que nos visiten en outono, inverno ou primavera, porque eu creo que a nosa paisaxe, a nosa gastronomía e mesmo a nosa maneira de vivir esas estacións fainos máis interesantes. Contamos ademais cun clima propicio durante todo o ano para facer deporte e, polo tanto, calquera estación é fantástica para achegarse á Coruña para practicar golf, surf, sendeirismo, vela… ou calquera deporte, individual ou de equipo.
Contamos cada vez con máis empresas que facilitan o acceso tanto a espazos como aos monitores e materiais necesarios para facer do deporte e do turismo unha experiencia única e unhas fantásticas instalacións para todo tipo de eventos deportivos. Se a iso lle engadimos que o sector turístico ofrece unha calidade altísima na súa oferta e os sectores produtivo e hostaleiro contan coa mellor materia prima, non vexo mellor maneira de aproveitar unha escapada, unha ponte ou unha viaxe que vir a coñecer a provincia da Coruña e a súa paisaxe que sabe.