28 octubre, 2026
Milagros González, presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Pemento de Herbón e da cooperativa A Pementeira, reivindica a autenticidade deste produto galego, a importancia de protexer a súa orixe e a necesidade de dalo a coñecer entre os consumidores. A entidade aposta tamén pola innovación con novas elaboracións artesanais e afronta o reto de garantir a continuidade do cultivo ante as dificultades do relevo xeracional.
Como naceu A Pementeira e como evolucionou o proxecto desde os seus inicios?
A Pementeira naceu en 2006, aínda que comezamos a traballar e abrimos as portas da nosa nave de envasado en 2008. O proxecto xurdiu coa ilusión de prepararnos para cumprir todos os requisitos que nos esixían para obter a Denominación de Orixe Protexida do Pemento de Herbón e poder ofrecer un produto con garantías e calidade suficiente para chegar ao maior número posible de tendas.
Tamén naceu da necesidade de unirnos e traballar xuntas para acceder a mercados aos que individualmente non podiamos chegar. Antes de formar A Pementeira, cada unha de nós traballaba pola súa conta, desde a casa: cultivabamos, recolliamos, envasabamos e vendiamos os pementos. Porén, non tiñamos volume suficiente para acceder ás grandes superficies.
Por iso, decidimos unirnos para ampliar as posibilidades comerciais e darnos a coñecer. Foi un comezo complicado, como o de calquera proxecto, pero tiñamos un produto moi bo para ofrecer ao mercado. Contar cunha denominación de orixe tamén nos axudou moito, porque é un distintivo que fala por si mesmo e garante que se trata dun produto auténtico, vinculado ao lugar onde naceu a tradición do pemento.
Foi un comezo complicado, pero tiñamos un produto moi bo para ofrecer ao mercado
Ademais do pemento de Herbón amparado pola DOP, que outros produtos comercializades e a que mercados vos dirixides?
Desde que creamos A Pementeira tivemos moitas inquedanzas e quixemos darlle máis percorrido ao produto. Así foi como comezamos a elaborar marmeladas de pemento, unha máis doce e outra máis picante, seleccionando a materia prima en función do resultado que queriamos conseguir.
Co pemento picante tamén exploramos outras elaboracións artesanais, como bombóns, e colaboramos cunha empresa que produce xeados para desenvolver un xeado picante. Ademais, estamos traballando para recuperar a elaboración do pemento moído, tal e como se facía antigamente, volvendo ás orixes: un pemento auténtico, simplemente seco e moído, sen engadidos.
Sempre procuramos innovar e buscar novas formas de chegar ao mercado. Para comercializar estas elaboracións artesanais dirixímonos especialmente ás tendas gourmet, porque queremos que se valoren como produtos de calidade diferenciada.
No caso do pemento fresco, tamén estamos presentes en cadeas de supermercados en Galicia, como Froiz, Eroski e Gadis, ademais de en froiterías e pequenos establecementos da contorna e de cidades como Santiago de Compostela. Outra canle importante é a venda por internet, que nos permite chegar a todos os puntos de España e tamén atender pedidos do estranxeiro.
Desde que creamos A Pementeira tivemos moitas inquedanzas e quixemos darlle máis percorrido ao produto
Que características diferencian o pemento de Herbón doutros pementos e que importancia teñen o territorio e o saber facer tradicional para manter a súa calidade?
A Denominación de Orixe Protexida é fundamental para garantir a autenticidade do produto e protexer a súa orixe. No mercado hai moitos pementos que se comercializan como pementos de Padrón, pero non todos proceden desta zona. Por iso é tan importante distinguir entre o pemento auténtico de Herbón e outros que poden ser doutras procedencias.
A denominación de orixe establece esa diferenza e protexe un produto que, sen esa garantía, tería moitas máis dificultades para manter a súa identidade nun mercado con tanta oferta. É fundamental que o consumidor saiba que está a mercar e poida recoñecer o produto auténtico.
O territorio tamén é determinante. A xente de aquí leva toda a vida traballando este pemento e sabe como cultivalo, seleccionalo e coidalo. A iso súmanse as características da terra, o lugar onde se planta e as condicións ambientais. Todo contribúe a que sexa diferente doutros pementos.
Trátase dun saber facer que se foi transmitindo ao longo dos anos e que debemos preservar. A calidade non depende unicamente do produto final, senón tamén da experiencia das persoas que o cultivan e do vínculo que existe entre o pemento e o seu territorio.
A Denominación de Orixe Protexida é fundamental para garantir a autenticidade do produto e protexer a súa orixe
Que importancia teñen iniciativas como o Circuíto TUR 43 Galicia Calidade, patrocinado pola Deputación da Coruña no marco da campaña A Paisaxe que Sabe, para dar a coñecer o pemento de Herbón e apoiar produtoras como A Pementeira?
Estou moi contenta de que existan iniciativas interesadas en dar a coñecer os nosos pementos, en falar deles e en conseguir que estean presentes en máis espazos. Para nós é moi importante que a xente saiba diferenciar un pemento doutro e recoñeza o auténtico de Herbón.
Levamos arredor de 18 anos coa denominación de orixe e aínda hoxe temos que insistir constantemente en que os nosos son os pementos auténticos de Herbón. Seguimos facendo promoción, participando en feiras e aproveitando todas as oportunidades para explicar o que nos diferencia.
Aínda queda moito traballo por facer. Moitas persoas continúan falando de pementos de Padrón sen distinguir a súa procedencia, malia existir unha denominación de orixe que protexe o produto auténtico. Por iso, calquera iniciativa que contribúa a dar a coñecer a nosa gastronomía e a divulgar o valor dos produtos ligados ao territorio é moi importante para nós.
O fundamental é que o consumidor teña información para saber que está a mercar e que, cando queira comer o pemento auténtico de Herbón, poida identificalo e recoñecelo.
Levamos arredor de 18 anos coa denominación de orixe e aínda hoxe temos que insistir constantemente en que os nosos son os pementos auténticos de Herbón
Cales son os principais retos de futuro de A Pementeira e que obxectivos vos marcades para garantir a continuidade do cultivo?
Un dos nosos principais obxectivos é conseguir que a xente queira vivir e traballar no campo, e que non abandone a actividade agraria. Porén, a situación é complicada. A xente nova ten outras oportunidades laborais e, na nosa contorna, existe unha importante presenza industrial, con empresas como Cortizo, EslaBesa, Estrugasa, Finsa ou Nestlé.
Moitas persoas prefiren un traballo cun horario definido, entrar e saír despois de oito horas e desconectar ao chegar á casa. O noso traballo non funciona así: non abonda con cumprir unha xornada e esquecerse. Especialmente no verán, a actividade require moita dedicación, e iso dificulta o relevo xeracional.
Aínda así, tivemos casos de persoas que se xubilaron e cuxos fillos ou outros familiares asumiron a continuidade da actividade. Mesmo hai quen traballa noutras empresas e, malia iso, decide coller o relevo para seguir cultivando pementos. Son exemplos que nos permiten manter a esperanza.
Ao mesmo tempo, queremos continuar innovando, desenvolvendo novos produtos e buscando mercados nos que se valore a elaboración artesanal e a calidade. Desde o principio tivemos a inquedanza de explorar novas posibilidades, como as marmeladas, os produtos elaborados a partir do pemento picante e o pemento moído tradicional.
O noso propósito é seguir avanzando sen perder a esencia do produto, mantendo a súa autenticidade e contribuíndo a que o pemento de Herbón continúe vinculado ao territorio e ao traballo das persoas que o cultivan.