Foto cedida. Nieves Millán e Moisés Rodríguez, coas ‘cabanas que salvaron os carballos'.
30 octubre, 2026
O que comezou case por casualidade converteuse nunha das propostas de enoturismo singular de referencia en Galicia. En Boqueixón (A Coruña), na subzona da Ribeira do Ulla da D. O. Rías Baixas, Nieves Millán e o seu marido, Moisés Rodríguez, transformaron unha herdanza familiar nun complexo que hoxe une viñedos, adega propia e un conxunto de aloxamentos integrados na natureza baixo o orixinal lema de «as cabanas que salvaron os carballos».
Falamos con Nieves Millán sobre as orixes de María Manuela Enoturismo, a calidade dos seus viños de crianza sobre lías, o deseño e a forza das súas etiquetas e a importancia de iniciativas como A Paisaxe que Sabe da Deputación da Coruña para situar no mapa o produto e o turismo do noso medio rural.
O nome do proxecto rende homenaxe á súa nai (María) e á súa avoa (Manuela), dúas mulleres do rural que traballaron esa mesma terra de Boqueixón. Que supón ver transformada a finca familiar nun proxecto enoturístico de referencia?
Teño que dicir que todo este proxecto naceu dunha casualidade. Nin o meu marido nin eu eramos do sector: eu tiña unha librería dende facía 38 anos e o meu marido tiña unha empresa. Todo nace porque eu heredo unha hectárea nesa finca familiar que tiña cinco hectáreas en total. Como os meus irmáns non quixeron traballar a terra, o meu marido e máis eu quedámonos coas cinco hectáreas coa visión de montar unha primeira plantación de uva albariña, aproveitando que estamos na Ribeira do Ulla, a última subzona da Denominación de Orixe Rías Baixas.
Durante sete anos a nosa actividade foi facer esa plantación e vender a uva. Pasado ese tempo, compramos unha segunda finca pegada á primeira coa idea orixinal de facer unha segunda plantación de albariño e compartir servizos. Pero unha vez que a tiñamos comprada, e cando xa tiñamos vendida toda a madeira (incluída a zona onde hoxe están as cabanas), descubrimos que no interior había un bosque autóctono precioso. Démoslle unha volta á idea e dixemos: «Esta parte de carballeira temos que salvala». E aí foi onde apareceron as cabanas que salvaron os carballos.
Cando tivemos que bautizar o proxecto volvemos ás orixes, a esas dúas mulleres que traballaron a terra de sol a sol. A esencia naceu desa primeira terra. Se os nosos familiares o visen hoxe, creo que sentirían orgullo de ver como se transformou todo isto ata converterse nesta pequena xoia que hoxe visita xente de moitos puntos.
“Os 13 meses de crianza sobre lías fan que o viño se poida gardar durante anos e que en botella vai gañar en calidade”
Como articulan o equilibrio entre as tres patas do negocio: os viñedos, a adega propia e o complexo de cabanas no bosque?
Son tres patas distintas, pero para min están totalmente unidas. O noso é un proxecto de enoturismo empezado ao revés: o habitual é que dende unha adega xurdan os servizos turísticos, pero nós empezamos pola plantación. Cando decidimos montar as cabanas, ao tratarse dunha finca rústica non se podía facer directamente, polo que nos vimos obrigados a asumir a transformación do produto: transformar a uva en viño e facer a adega.
Para manter o equilibrio, contamos con equipo e persoal especializado en cada un dos departamentos: hai xente dedicada á plantación, profesional especializado no apartado de turismo e cabanas, e persoal técnico especializado para elaborar o viño e levar a adega. Grazas a ter xente en todos os departamentos, todo funciona dunha forma moi equilibrada.
Apostan por un albariño D. O. Rías Baixas con 13 meses de crianza sobre lías e produción limitada. Cal é a identidade e a esencia do seu viño?
Nun mercado con moito produto e distintas calidades, se es pequeniño tes que diferenciarte e apostar sempre pola calidade. Coidamos todo o proceso dende a orixe: a forma de plantar, a separación entre cepas, o coidado do monte e incluso o uso dese monte para abonar as nosas cepas.
Cando chegamos á recollida e á elaboración, apostamos por un viño de boa calidade, un viño ‘de guarda’. Os 13 meses de crianza sobre lías fan que o viño se poida gardar durante anos e que en botella vai gañar en calidade; son viños maduros deseñados para consumir durante anos. Ademais, vendemos toda a colleita directamente nós, sen distribución externa, para non perder a esencia do que realmente intentamos ensinar e facer que cada ano teña un valor maior.
“Iniciativas como A Paisaxe que Sabe ábrennos unha gran ventá para que nos descubra moita máis xente”
A etiqueta do viño foi deseñada pola súa filla Blanca para condensar a esencia das catro xeracións da familia. Como foi o proceso creativo ata dar coa marca?
A imaxe de empresa e a marca deseñounas a nosa filla, Blanca Millán. Nese momento ela acababa de rematar Belas Artes e, aínda que nunca fixera logos para ningunha empresa (hoxe é unha gran ilustradora que está gañando premios), encargámosllo a ela porque ninguén nos coñecía mellor.
A etiqueta do viño é a continuación directa da primeira imaxe de empresa. A ilustración da cara de muller, que remata no pescozo con formas de uvas e follas, representa todo o noso proxecto global de enoturismo. E ese detalle do labio en forma de corazón é un trazo característico de María Manuela que Blanca levou á etiqueta para representar a modernidade e a paixón. Nada no proxecto queda solto porque si; todos os puntos teñen unha continuidade por algo.
Como valoran o respaldo de campañas como A Paisaxe que Sabe da Deputación da Coruña para dar visibilidade a proxectos gastronómicos de calidade, eventos como o Circuíto TUR 43 Galicia Calidade e experiencias enoturísticas do noso medio rural?
Para nós é como unha porta ampla. Como pequenos que somos, ás veces non damos chegado a todo ese público ao que realmente lle gusta desfrutar destas cousas. Nós somos un proxecto que funcionou ben dende o primeiro día (primeiro vendendo uva, despois co turismo singular onde temos unha ocupación alta, e logo coa adega e o viño), pero iniciativas como A Paisaxe que Sabe ábrennos unha gran ventá para que nos descubra moita máis xente.