2 octubre, 2025
Pablo e Gisela Suárez. Pai e filla. Estes dous emprendedores son a cara visible de Gallegas de Nata, unha das empresas que maior recorrido tivo nos últimos anos. A súa aposta polas receitas tradicionais, as de toda a vida, fíxolles levantar un negocio inspirado nas galletas das avoas, as de nata.
E de aí xurdiu este proxecto tan especial, que evoca a sabores que moitos levaban anos sen probar: Gallegas de Nata, que contan só con tres ingredientes – nata, azucre de caña e fariña – fixeron únicos estes doces, combinando o mellor da tradición coas novas formas de consumo. E iso foi o que presentaron no Mercado de Produtores, celebrado no hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela, o pasado 19 de setembro, da man da Deputación da Coruña e ao abeiro do Circuito de Golf e Croquet TUR 43.
O Circuíto de Golf e Croquet TUR 43 fusiona deporte, gastronomía e turismo. Que credes que aporta un evento destas características á difusión de Gallegas de Nata?
Pois sobre todo darnos a coñecer, especialmente á xente que vén de Portugal e do norte de España. É unha forma de facer posicionamento de marca. Ademais, permite que nos vexan aquí na provincia da Coruña, porque moitas veces buscamos produtos fóra cando ao noso carón temos cousas igual de boas ou mellores.
Polo tanto, o que máis valorades deste evento é a difusión que vos pode dar, tanto fóra como dentro da provincia?
Si, claro, exactamente. É unha forma de gañar visibilidade dentro e fóra da nosa contorna.
Cal credes que é a importancia de iniciativas como o Mercado de Produtores impulsado pola Deputación, á hora de dar a coñecer os vosos produtos gastronómicos?
Pois ten moitísima importancia. Estes eventos dánnos a oportunidade, tanto aos que levamos tempo como aos que están comezando, de dar a coñecer os produtos que se fan aquí. Son produtos de moita calidade, que axudan a que Galicia siga a ser un referente gastronómico. No noso caso, achegamos doces tradicionais.
Son produtos de moita calidade, que axudan a que Galicia siga a ser un referente gastronómico
E cal diriades que foi a vosa experiencia, o balance que facedes da participación neste tipo de eventos? Que os diferenza respecto doutros mercados?
Este tipo de eventos permiten o trato directo, o ti a ti co cliente. Ves de primeira man a súa reacción cando proba os produtos, e tamén a doutros empresarios, sexan do sector ou non. Créase esa relación coa xente, que é o que realmente se busca. Ademais da difusión, está o contacto con outros produtores. Incluso ás veces atopamos novos provedores. Sempre xorden oportunidades.

Entón, o máis valorado sería ese trato próximo co cliente e a posibilidade de compartir espazo con outros produtores?
Si, totalmente. Non só con produtores de doces, senón con xente que trae queixos ou outros produtos. De todas as feiras nas que participamos, este tipo de encontros sempre resultan nunha experiencia enriquecedora. Se non vas, non o vives.
De todas as feiras nas que participamos, este tipo de encontros sempre resultan nunha experiencia enriquecedora
Para rematar, que destacariades dos vosos produtos? Cal é ese valor diferencial que os fai únicos?
Son produtos moi honestos. De moi boa calidade. Buscamos transmitir emocións, non só sabor. Que a xente lembre o que comía de pequena, eses sabores que xa non son tan comúns. Os nosos produtos teñen un sabor tradicional, auténtico, sen artificios. E iso nótase. Sorprende moito que mesmo os nenos, que nunca probaron as natas das avoas, recoñezan ese sabor e lles guste. E a xente maior emociónase moito porque lles lembra momentos do pasado.