Foto: Deputación da Coruña.
23 abril, 2026
A Deputación da Coruña continúa dando pasos firmes para promover e poñer en valor un turismo de calidade, sostible e respectuoso co medioambiente. Así o asegura o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, un dos principais dinamizadores da estratexia turística que levou a cabo nos últimos anos o goberno de coalición, e que está dando os seus froitos.
Nun contexto social dominado pola masificación de destinos e a inmediatez das experiencias, o Executivo provincial busca priorizar a calidade fronte á cantidade, e dar a coñecer a enorme riqueza que esconde a cidade herculina e o conxunto da provincia, que se presenta como un «reducto» de natureza, diversidade gastronómica e un patrimonio cultural excepcional.
En FITUR 2026, a Deputación presentou unha estratexia baseada na diversidade, calidade e competitividade do destino. Como se traduce isto en políticas concretas para este ano?
En FITUR 2026 presentamos unha aposta clara por un turismo baseado na diversidade, calidade e competitividade do destino. Isto tradúcese cada ano en:
– Apoio a produtos turísticos de alto valor engadido (astroturismo, xeoturismo, enogastronomía, turismo industrial e cultural).
– Liñas de axudas específicas para empresas e concellos que aposten por ofertas de calidade, accesibles e respectuosas co medio.
– Campañas promocionais segmentadas que prioricen a experiencia auténtica fronte ao volume masivo.
– Reforzo da colaboración público-privada para mellorar a capacitación do sector e a dixitalización, sempre pensando en xerar impacto económico positivo no territorio.
A provincia traballa cunha rede de xeodestinos. Que papel xogan na descentralización do turismo e na loita contra a masificación turística?
A provincia conta con varios xeodestinos con moito potencial e identidade, que funcionan como ferramenta clave de descentralización porque teñen un altísimo interese turístico por si mesmos. Axúdannos a distribuír o fluxo turístico por todo o territorio, evitando a concentración en puntos concretos. Son fundamentais á hora de promover un turismo máis equilibrado, que dinamiza o rural, xera emprego local e reduce presións ambientais e sociais. Non se trata de traer máis xente a un mesmo sitio, senón de ofrecer experiencias diferenciadas en cada zona.
A provincia conta con varios xeodestinos con moito potencial e identidade, que funcionan como ferramenta clave de descentralización
A Coruña aspira a un ano de récord de visitantes. Como se equilibra ese crecemento co turismo sostible?
Buscamos equilibralo mediante a coordinación cos concellos na planificación previa de eventos, axudando a mellorar as infraestruturas, facendo promoción, buscando estancias máis longas e de maior gasto por visitante, e sensibilizando de que hai que tomar medidas para unha mellor xestión de fluxos (mobilidade, sinalización, cotas de acceso a espazos sensibles…). O obxectivo é que o turismo deixe un retorno positivo para a veciñanza e non degrade o que nos fai atractivos: paisaxe, patrimonio e calidade de vida.
Que medidas concretas se están impulsando dende a Deputación para avanzar na desestacionalización do turismo?
A desestacionalización do turismo é un dos debates recorrentes no sector, aínda que eu gosto máis de falar da prolongación de tempadas porque o turismo é unha actividade claramente estacional. A conectividade internacional é un factor fundamental para obter avances neste tema; buscar conexión onde os periodos vacacionais coincidan coa nosa tempada media ou baixa.
Mais aló diso, apoiamos eventos culturais, deportivos e gastronómicos ao longo de todo o ano (incluídos outono e inverno). Promocionamos produtos que funcionan mesmo mellor en tempadas baixas, como a enogastronomía. Desenvolvemos campañas específicas para fins de semana longos e pontes. E colaboración con sectores tan importantes para o turismo fóra da tempada alta, como é o MICE (reunións, incentivos, congresos). O obxectivo é que o sector teña actividade estábel e non dependa só do verán.
A desestacionalización do turismo é un dos debates recorrentes no sector, aínda que eu gosto máis de falar da prolongación de tempadas porque, o turismo é unha actividade claramente estacional
A eclipse solar do 12 de agosto converteuse no gran eixo promocional do ano e xa se esperan ocupacións próximas ao 100 %. Está preparada a provincia para xestionar esta elevada demanda turística?
A eclipse total de Sol é un evento único que converterá unha boa parte da provincia nun dos mellores puntos de observación do mundo. Esperamos ocupacións moi altas, e estamos a traballar dende hai meses en temas que nos preocupan como a seguridade e a mobilidade. A coordinación con concellos, a seguridade, o transporte e os servizos son algúns dos asuntos que cremos que hai que ter perfectamente planificados para unha xornada como a do 12 de agosto, que agardo sexa espectacular, mais que tamén vai ser un reto a nivel de xestión de fluxos. A provincia está a mobilizarse para xestionar esta demanda con responsabilidade, priorizando a seguridade e a experiencia de calidade. Non se trata só de encher prazas, senón de facelo ben.
A provincia conta con zonas recoñecidas pola Fundación Starlight, como a Costa da Morte e As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo. Que accións concretas se están levando a cabo para potenciar estes territorios?
Estes territorios teñen certificación Starlight pola calidade dos seus ceos. Levan tempo traballando na formación de monitores starlight e están demostrando con seriedade e con rigor que están preparadas para ofrecer unha experiencia de alta calidade a xornada da eclipse, que ademais coincidirá coas Perseidas. Neses territorios estanse a desenvolver actividades guiadas de observación astronómica con monitores certificados; creando produtos turísticos combinados (astronomía + gastronomía local + aloxamento). E houbo, e hai, campañas promocionais específicas, como a que levamos a FITUR, que vinculan a eclipse co valor nocturno destes espazos, apoiando tamén a xeración de infraestruturas de interpretación e protección da contaminación lumínica.
A eclipse total de Sol é un evento único que converterá unha boa parte da provincia nun dos mellores puntos de observación do mundo
Que perfil de turista atrae o astroturismo e que oportunidades económicas xera no rural?
O astroturismo atrae un perfil de turista culto, con alto poder adquisitivo, interesado en experiencias auténticas e respectuosas co medio. Habitualmente, son parellas, familias con crianzas, afeccionados á astronomía ou simplemente persoas que buscan desconexión. Xera oportunidades económicas no rural ao diversificar a oferta máis aló do sol e praia, incrementan o gasto en aloxamento, restauración e actividades locais e axudan a crear emprego cualificado (guías, observatorios, etc.).
Para a Deputación da Coruña, fixar poboación no rural é un obxectivo de gobernanza, e o astroturismo axúdanos a valorizar recursos endóxenos do rural como o ceo nocturno.
Vostede defendeu un modelo baseado na calidade fronte á cantidade. É compatible este enfoque con eventos masivos como a eclipse?
Si, é compatible. O modelo de calidade non significa rexeitar eventos de gran impacto, senón xestionalos con intelixencia. A eclipse é unha oportunidade única de proxección internacional que pode atraer un turismo de alto valor se se organiza ben, con capacidade limitada en puntos sensibles, oferta complementaria de calidade e co foco posto no respecto ao territorio. Non é a cantidade pola cantidade, senón aproveitar un momento singular para reforzar a imaxe de destino de excelencia e sustentábel. O importante é que o retorno sexa positivo e non deixe pegada negativa.
Este ano repiten no seu apoio a eventos que fomenten a práctica deportiva e o turismo gastronómico, como o Circuíto TUR 43. Que os motiva a seguir apostando polo Circuíto e como valoran este espazo de promoción de produtos locais e de proximidade?
Seguimos apostando polo Circuíto TUR 43 porque é un exemplo perfecto de como o deporte, o turismo e a gastronomía poden ir da man. O circuíto promove a provincia como destino de calidade durante todo o ano e pón en valor produtos locais e de proximidade a través de feiras de produtores e degustacións; ademais de atraer un público que gasta e valora a excelencia. Valorámolo moi positivamente como espazo de promoción que xera sinerxías entre sectores e reforza a imaxe da Coruña como territorio diverso e atractivo.
Fixar poboación no rural é un obxectivo de gobernanza, e o astroturismo axúdanos a valorizar recursos endóxenos do rural como o ceo nocturno
E xa para rematar, nun contexto de cambio climático, Galicia posiciónase como “refuxio climático”. Como inflúe isto na planificación turística da Deputación para os próximos anos?
No contexto de cambio climático, a posición de Galicia, clima suave, natureza verde, menor incidencia de olas de calor extremas, é unha oportunidade que debemos xestionar con responsabilidade. A Deputación trata de influír na planificación futura reforzando un turismo de natureza e na promoción dun modelo que preserve os recursos que nos fan atractivos (auga, paisaxe, biodiversidade).
Non se trata de vender un “refuxio” como reclamo fácil, senón de converter esa vantaxe en oportunidades reais de desenvolvemento sustentábel a longo prazo; sempre pensando no benestar da veciñanza e na conservación do territorio.