Fotos: Deputación da Coruña
27 enero, 2026
A gastronomía da provincia da Coruña volveu captar todas as miradas en Madrid Fusión 2026. A Deputación provincial iniciou este luns a súa participación no congreso, que poñerá o broche final este mércores, 28 de xaneiro, cunha intensa primeira xornada de actividade no seu posto do pavillón 14 de IFEMA Madrid. No stand provincial os produtos do mar e da terra foron os grandes protagonistas baixo o lema “A paisaxe que sabe”.
Desde primeira hora, o espazo da Deputación converteuse nun punto de encontro para profesionais do sector e visitantes. Todos eles acudiron atraídos pola calidade das propostas e polas demostracións en directo. Estas chegaron a xerar longas ringleiras de persoas agardando para degustar os pratos. “Estamos falando de produtos de primeira calidade, tratados co máximo mimo e coñecemento por profesionais expertos”, destacou o vicepresidente da Deputación e deputado de Promoción Económica, Xosé Regueira.
No stand provincial os produtos do mar e da terra foron os grandes protagonistas baixo o lema “A paisaxe que sabe”.
Regueira subliñou tamén a importancia de manter, por cuarto ano consecutivo, a presenza neste evento, considerado o maior escaparate profesional da gastronomía do Estado. Unha cita de proxección internacional na que a provincia da Coruña está representada a través de toda a súa cadea de valor gastronómica. Desde o produto primario ata a elaboración e a restauración.
Madrid Fusión é unha cita de proxección internacional na que a provincia da Coruña está representada a través de toda a súa cadea de valor gastronómica
A xornada abriu coa presentación das Gallegas de Nata da Coruña e continuou cunha proposta que uniu tradición e territorio: a Fabada Galaica de La Despensa D’Lujo, de Coristanco. Esta receita está elaborada con compango de porco celta e acompañada de pan de broa de millo corvo. Unha combinación que serviu para lembrar a histórica relación entre ambos cultivos, xa que a faba medra trepando polo millo.
Outro dos momentos destacados foi a presentación da ventresca de bonito do norte da Conserveira, preparada con manteiga de Galmesán. As dúas empresas puxeron en valor unha colaboración de anos e o aproveitamento culinario dun subproduto da elaboración do queixo, ao que se lle dá así unha nova vida gastronómica.

A cociña en directo tivo un papel central coa dobre participación de Fabián Mouzo e Lara Alvarellos, do restaurante O Camiño Fala, de Mazaricos. Os chefs elaboraron callos ao estilo de Carnés e albóndegas de atún en salsa verde. Na primeira das demostracións, as racións esgotáronse en poucos minutos ante a longa ringleira de asistentes. Ambos reivindicaron a cociña tradicional, “de avoa”, como a mellor maneira de poñer en valor uns produtos excepcionais, e cualificaron o Atlántico como unha despensa “de luxo”.
O viño tamén tivo o seu espazo cun relatorio e cata a cargo do catador e formador Alejandro Paadín, centrado na Indicación Xeográfica Protexida Betanzos
O viño tamén tivo o seu espazo cun relatorio e cata a cargo do catador e formador Alejandro Paadín, centrado na Indicación Xeográfica Protexida Betanzos. Paadín explicou o concepto de terroir aplicado ao territorio da Reserva de Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo e repasou a traxectoria duns viños que acadaron importantes recoñecementos, culminando a actividade cunha degustación representativa da zona.
Así pois, a primeira xornada pechou coa presentación e degustación dos produtos de Chichalovers, de Santiago de Compostela. O día estivo marcado pola actividade continuada e pola diversidade de propostas. A programación da Deputación da Coruña en Madrid Fusión continuará hoxe e mañá con novas demostracións culinarias, relatorios e presentacións, dentro dunha estratexia de promoción turística e económica que aposta polo produto, polo talento profesional e polo territorio.