22 julio, 2026
Pablo e Gisela Suárez son a cara visible de Gallegas de Nata, un proxecto que sitúa a artesanía e a calidade do produto no centro da súa filosofía. Cunha receita que evoca os sabores de sempre e reivindica as elaboracións tradicionais, a marca converteuse nun referente para quen busca autenticidade e produto de proximidade. Ese compromiso lévaos a participar un ano máis no Circuíto TUR 43 Galicia Calidade, onde, da man da campaña «A paisaxe que sabe» da Deputación da Coruña e do Mercado de Produtores, achegan as súas galletas a un público que valora a excelencia gastronómica e o territorio.
Este ano volvedes participar no Circuíto TUR 43 Galicia Calidade. Que supón para Gallegas de Nata formar parte dunha iniciativa que une deporte, turismo e gastronomía?
É un grande privilexio para nós participar de novo neste gran proxecto que, ano tras ano, segue unindo dúas cousas tan fermosas como o golf e a gastronomía galega. O Circuíto TUR 43 reúne algúns dos valores cos que nos sentimos plenamente identificados: o respecto pola contorna, o turismo de calidade e a excelencia gastronómica. Que unha iniciativa coma esta volva contar connosco reafirma que a nosa aposta pola autenticidade e polo coidado do produto segue dando os seus froitos.
Durante o circuíto achegades o voso produto aos xogadores e participantes nas distintas probas, ademais de estar presentes no Mercado de Produtores, organizado en colaboración coa Deputación da Coruña. Que valor ten para a vosa marca contar con estes espazos de contacto directo co público?
Para unha marca artesá como a nosa, estes espazos representan unha oportunidade única. Permítennos compartir de primeira man a historia e a sinxeleza do noso produto, ao tempo que recibimos un retorno directo por parte dos consumidores. Ademais, o escaparate que nos ofrece esta iniciativa é fundamental porque, ademais de achegarnos visibilidade, ábrenos a porta a valiosas sinerxías comerciais e a novos puntos de venda.
É un grande privilexio para nós participar de novo neste gran proxecto que, ano tras ano, segue unindo dúas cousas tan fermosas como o golf e a gastronomía galega
Galicia conta cunha grande riqueza gastronómica e cada vez existe máis interese polos produtos locais e artesanais. Que papel credes que desempeñan eventos como o Circuíto TUR 43 Galicia Calidade na posta en valor dese patrimonio gastronómico?
Desempeñan un papel fundamental como dinamizadores do noso patrimonio gastronómico. Estes eventos actúan como unha ponte de prestixio que conecta os produtores locais cun público moi cualificado do norte de España e Portugal. Ao achegar o produto artesanal a este tipo de consumidor, contribúese a educar o padal cunha gastronomía auténtica e de calidade.
O segredo está en innovar de maneira constante, preservando sempre o coidado e o respecto cos que elaboramos a nosa receita clásica
O voso produto aposta pola sinxeleza e polos sabores de sempre. Cal é o valor diferencial de Gallegas de Nata e que credes que fai que conecte con públicos tan diferentes?
O noso principal valor diferencial é a honestidade: reivindicamos o sabor de sempre, o da receita da avoa, elaborada sen présas e con ingredientes da máxima calidade. Conectamos con públicos moi diversos porque combinamos a nostalxia cunha mentalidade aberta e curiosa. Encántanos escoitar as diferentes xeracións para seguir sorprendendo e explorando novas propostas con moito coidado, buscando medrar sen présa pero co firme compromiso de manter a calidade que nos define.

Nos últimos anos ampliastes a vosa gama con novas variedades, como as galletas de pistacho. Como xorde a decisión de incorporar novos sabores e como conseguides manter a esencia tradicional da marca adaptándovos ás novas demandas dos consumidores?
A decisión nace da curiosidade e tamén da escoita activa dos nosos clientes. En Gallegas de Nata contamos cun equipo interno moi diverso en canto a idades, o que nos permite contrastar diferentes puntos de vista xeracionais e preguntarnos como podemos sorprender a quen aínda non nos coñece. Para incorporar novos sabores, como o pistacho, sen perder a nosa esencia, hai algo que é innegociable: o proceso de elaboración e a base da receita. O segredo está en innovar de maneira constante, preservando sempre o coidado e o respecto cos que elaboramos a nosa receita clásica.
Apostar por ingredientes de calidade permítenos ofrecer un produto honesto e con identidade propia
Nun mercado cunha oferta gastronómica cada vez máis ampla, que importancia ten apostar pola autenticidade, pola calidade dos ingredientes e pola elaboración tradicional?
Para nós é absolutamente esencial; é o noso verdadeiro valor diferencial e o compromiso que adquirimos cos nosos clientes. Nun mercado saturado de opcións rápidas e industriais, a autenticidade é o que fai que a xente volva elixirte e conecte emocionalmente coa marca. Apostar por ingredientes de calidade permítenos ofrecer un produto honesto e con identidade propia. Elaborar sen présas quizais non sexa o camiño máis doado, pero é o único que garante manter a calidade e o auténtico «Sabor de Galicia» en cada bocado.