Fotos: Deputación da Coruña.
22 agosto, 2025
Refrescarse nun areal de augas verdeazuladas mentres se divisa o atardecer tralo impresionante monte Louro ou lanzarse a toda velocidade costa abaixo nun orixinal bólido de madeira en Esteiro, son dúas opcións de diversión e desconexión que ofrece o mesmo xeodestino: a Ría de Muros e Noia.
Ubicada na provincia da Coruña, a Ría de Muros e Noia forma parte das Rías Baixas. Os concellos de Porto do Son, Lousame, Noia, Outes e Muros conforman este espectacular xeodestino. Un enclave de incrible beleza, rico patrimonio e exquisita gastronomía, que xa elixiron os nosos antepasados hai séculos como lugar idóneo para vivir.
Ademais dos megálitos e petróglifos que atesoura Outes, a pegada da historia queda patente no Castro de Baroña, en Porto do Son, un castro ocupado dende o século I antes de Cristo ata o século I despois de Cristo, do que se conservan unhas 20 vivendas de planta circular. O Castro de Baroña, un dos máis emblemáticos de Galicia, conta cun Centro de Interpretación no centro da vila de Porto do Son onde se poden descubrir algúns dos segredos dos nosos devanceiros.

O dolmen de Argalo, a Cova da Bruxa ou a Laxe das Rodas en Louro son outros dos vestixios arqueolóxicos que merece a pena visitar neste singular xeodestino.
Noia, ‘a pequena Compostela’ como a bautizou o literato ourensán Ramón Otero Pedrayo, alberga un dos maiores expoñentes da arquitectura relixiosa desta zona: a Igrexa de Santa María A Nova, declarada Monumento Histórico-Artístico Nacional en 1973, que conta con máis de 200 lápidas sepulcrais nas que se representan os oficios dos gremios de artesáns do territorio, sendo a maior colección do mundo.
Pazos góticos, vivendas burguesas, antigas casas de pescadores… os cascos históricos de Noia e de Muros téñeno todo, con igrexas como a de Esteiro, a de San Martiño en Noia ou o santuario da Virxe do Camiño en Muros, concello no que destacan tamén a Casa Anido, o antigo Cine París, o edificio do Mercado de Abastos ou a Casa Romaní. Tanto é así, que os seus centros históricos foron declarados Conxunto Histórico-Artístico; en 1970 o de Muros, un dos mellor conservados de toda Galicia, e en 1985 o de Noia.
O Museo do Mar de Noia e o Museo da Memoria Mariñeira de Porto do Son dan fe do patrimonio mariñeiro desta ría. Imprescindible é tamén a visita ao Muíño de Marea do Pozo do Cachón, en Muros, unha magnífica obra de enxeñería do século XIX que se converteu nun dos máis importantes de Europa, sendo o muíño de marea máis grande de Galicia cos seus 22,5 metros de longo e 7 metros de ancho.
Miradoiros como o da Atalaia ou o do monte Enxa en Porto do Son ofrecen algunhas das mellores panorámicas para contemplar a ría
Pola súa banda, Lousame acolle o Centro de Interpretación das Minas de San Finx. Actualmente inactivas, estas minas subministraron estaño e volframio durante a Segunda Guerra Mundial, procedentes dun xacemento descuberto en 1880 que chegou a converterse no motor económico da súa contorna a mediados do século XX. A antiga escola adaptouse como centro de interpretación e museo e estase rehabilitando tamén o poboado das minas.
Entre as xoias deste xeodestino atópanse as súas praias de fina e branca area como as de Aguieira, As Furnas ou Basoñas, en Porto do Son; Broña en Outes; ou Ancoradoiro, San Francisco e Area Maior ao pé do monte Louro, en Muros. Vixían o centro da ría dúas illas, a Illa Vella e a Illa de Creba, onde antigamente se homenaxeaba á Virxe cunha romería.

Preto do formidable monte Louro, antigo refuxio de piratas, atópase tamén a Lagoa das Xarfas, un ecosistema dunar que destaca pola riqueza da súa flora e da súa fauna, un espazo natural protexido pola Rede Natura 2000, ao igual que o estuario do río Tambre e parte do complexo dunar de Corrubedo, que se estende tamén polo concello de Porto do Son.
O mar non bica Lousame, pero este concello ofrece ao viaxeiro vistas da veciña ría de Arousa dende o cumio do monte Muralla e tamén pequenas fervenzas, na parroquia de San Xusto. Alí consérvase a igrexa do Mosteiro de San Xusto de Toxosoutos, un recanto único declarado Ben de Interese Cultural que conxuga natureza, arte e historia.
Miradoiros como o da Atalaia ou o do monte Enxa en Porto do Son ofrecen algunhas das mellores panorámicas para contemplar a ría en todo o seu esplendor.
A diversión está asegurada cada terceiro fin de semana de xullo coa celebración do Gran Prix de Carrilanas de Esteiro, en Muros
A ponte Nafonso, que destaca polos seus 20 arcos, xunto coa ponte Grande e a ponte de Traba, en Noia, comunican entre si os concellos deste xeodestino.
O río Tambre desemboca nesta ría, creando o hábitat perfecto para un excelente marisco, onde as ameixas e os berberechos son os grandes protagonistas. Coñecida popularmente como a ‘costa do berberecho’, un dos concellos da ría, Noia, gábase de ser o maior produtor de berberecho de toda Galicia.
Unha das mellores formas de degustar os berberechos desta ría é na empanada de millo de Noia, vila experta en crear empanadas características e de sabores que sorprenden aos padais máis esixentes. Muros, co porto máis importante do seu distrito pesqueiro, non quere ser menos e celebra a Festa da Empanada cada primeiro fin de semana de xullo, xunto coas Xornadas de Exaltación do Peixe e do Marisco, durante a segunda quincena de setembro.

A sardiña de Portosín, en Porto do Son, é outro dos reclamos da ría, con festa de exaltación no verán. E os amantes do polbo teñen unha cita cada 14 de agosto tamén en Porto do Son, data na que este concello celebra a súa festa de exaltación desta delicia culinaria.
Para coñecer de primeira man este xeodestino o ideal é percorrer algunha das súas rutas, como a de Albán e o monte Tremuzo (Outes), a da Cova dos Gatos (Muros), a do río Tambre (Noia) ou a ruta de sendeirismo do río Vilacoba e San Xusto (Lousame).
A diversión está asegurada cada terceiro fin de semana de xullo coa celebración do Gran Prix de Carrilanas de Esteiro, en Muros, Festa de Interese Turístico de Galicia que leva 35 anos facendo felices a milleiros de familias, cun espectáculo único que fusiona velocidade, música, artesanía e gastronomía.
No ano 2000, Porto do Son celebrou a súa primeira Festa ‘Hortera’, unha das citas máis peculiares e esperadas, que neste 2025 rendeu homenaxe a Queen. O rock é protagonista en Muros, co seu Festival Castelo Rock, concello que destaca tamén polas súas festas patronais e polo seu Entroido. Xunto coa súa concentración moteira e a mostra de curtametraxes, Noia é coñecida pola súa Feira Medieval, que xa celebrou 26 exitosas edicións nas que a vila viaxa de novo ao seu pasado.
Nesta ría é posible tamén iniciar a peregrinación ata Santiago de Compostela, percorrendo a Ruta Xacobea do Camiño de Santiago da Ría de Muros-Noia, recoñecida oficialmente polo Cabildo Catedralicio no ano 2020. O itinerario transcorre polos concellos de Muros, Outes, Noia, Porto do Son e Lousame, para continuar despois polos municipios de Rois, Brión e Ames, rematando en Santiago.
Pola súa historia, a súa natureza e o seu patrimonio, o xeodestino Ría de Muros e Noia aglutina o mellor de todas as épocas.